O CONCELLO DE VEDRA PROMOCIÓNASE EN AREA CENTRAL
Santiago, 19 de xaneiro de 2010 – O Concello de Vedra promocionarase en Area Central dende o vindeiro 23 ata o 30 de xaneiro a través da mostra “Vedra elemental” para dar a coñecer e resaltar o turismo, a historia, a cultura e as paisaxes deste concello veciño de Santiago. Durante a semana que dura a exposición haberá actividades complementarias. Tras a inauguración, o sábado 23 ás 19.00 horas a cargo do alcalde de Vedra, Odón Cobas, haberá un concerto de grupo de música tradicional “A Requinta da Laxeira”.
O venres 29, ás 20.00 horas, a sala de xuntas de Area Central acollerá a conferencia “As Pontes de Vedra sobre o río Ulla”, a cargo do xornalista Henrique Neira. O sábado 30, a partir das 18.00 horas, haberá unha cata-degustación dos produtos gastronómicos típicos de Vedra. Para finalizar, os visitantes de Area Central poderán participar no sorteo de lotes de produtos típicos de Vedra, ceas e aloxamentos en casas de turismo rural de Vedra.
Pode atopar máis información, na programación mensual de Area Central.
|