AREA CENTRAL CELEBRA A SUA MAIORIA DE IDADE CON HUMOR
Santiago, 20 de outubro de 2011 – Dende o próximo 25 e ata o 31 de outubro, Area Central celebra o seu 18º aniversario e celébrao cunha programación especial de actividades concentrada en cinco días na que destaca a celebración de monólogos a cargo de tres recoñecidos humoristas galegos, ademais dunha exposición e obradoiros infantís de bricolaxe.
O prato forte da programación do 18º aniversario de Area Central virá da man de tres grandes humoristas galegos recoñecidos por todos, que farán rir a maiores e nenos por igual cos seus monólogos. Cada monólogo durará aproximadamente sesenta minutos e celebraranse ás 19:00 horas o venres 28, o sábado 29 e o luns 31.
O venres 28 Area Central ofrecerá aos seus visitantes un monólogo a cargo de José Manuel Rodríguez "Isi", popular polas súas aparicións en diferentes programas da TVG e que actualmente forma parte do elenco de actores do programa da TVG, Land Rober. O sábado 29 será o turno de Luis Zahera, actor que se deu a coñecer na serie Mareas Vivas da TVG e que participou en varias series de ámbito nacional e recoñecidas películas. O último monólogo será o luns 31 da man de Oswaldo Digón, actor que actualmente forma parte de Novos cómicos de Paramount Comedy.
A exposición, pertencente ao Museo de Antropoloxía da Fundación Sotelo Blanco, titúlase "O mundo dos carpinteiros" e reunirá unha gran selección de obxectos relacionados cun dos oficios máis antigos do mundo. Como complemento á exposición "O mundo dos carpinteiros", o sábado 29 e o luns 31 de outubro, Area Central ofrecerá obradoiros infantís de bricolaxe dirixidos aos máis pequenos da casa, en horario de 18:00 e as 20:30 horas.
Atoparás máis información sobre as actividades de Area Central na súa programación mensual.
|