AS RÚAS DE AREA
CENTRAL ACOLLEN A EXPOSICION FOTOGRÁFICA “PODEMOS. QUEREMOS.
CORRESPONSABILIDADE: RESPONSABILIDADES COMPARTIDAS”
Santiago,
22 de maio de 2006. Dende este mércores día 24
de Maio, e ata o vindeiro luns día 12 de Xuño, as rúas
de Area Central acollerán unha exposición fotográfica
coa que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar quere iniciar unha
campaña de concienciación sobre a corresponsabilidade,
baixo o lema “Podemos. Queremos. Corresponsabilidade: responsabilidades
compartidas”.
A exposición, que se inaugurará o día 24 ás
12:30 da mañá, e a que está previsto que asista
o Vicepresidente D. Anxo Quintana, está formada por 11 paneis
con fotografías de Xurxo Lobato, nas que se observan a diferentes
personaxes públicos galegos (varóns), realizando diferentes
labores domésticas (lavando, planchando, facendo as camas,...)
Con esta campaña de concienciación inténtase contribuir
a que se produza un cambio de mentalidades no senso de que o reparto
de responsabilidades no ámbito doméstico e familiar se
equilibre, fomentando a conciencia da corresponsabilidade no marco da
conciliación da vida profesional e familiar dos traballadores
e traballadoras, tendo presente que esta conciliación é
unha tarefa de homes e mulleres porque propicia un aumento na calidade
de vida de todos e todas.
Os poderes públicos teñen a responsabilidade de promover
accións que conduzan á reflexión para que se produza
ese cambio de mentalidades na poboación en xeral en canto á
necesidade de repartir as responsabilidades, por iso nesta exposición
fotográfica recóllese a idea de que xa pasaron os tempos
dos prexuízos sexistas en canto á realización das
tarefas do fogar, eliminando estereotipos socioculturais respecto do
reparto de tarefas no ámbito doméstico familiar.
|