AREA CENTRAL ACOLLERÁ AS “TARDES COAS AVENTURAS DE PACO PECO” OS VENRES E SÁBADOS ATA O 29 DE NOVEMBRO
Santiago, 7 de outubro de 2008 Area Central continúa coa liña de traballo en favor do fomento da lingua galega entre os máis pequenos e acollerá durante oito venres e oito sábados, a partir do venres 10 de outubro e ata o 29 de novembro, a campaña de fomento da lectura infantil en galego denominada “Tardes coas aventuras de Paco Peco”, proxecto organizado pola Fundación Sotelo Blanco, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Area Central.
Tendo como antecedente o éxito acadado co proxecto “Tardes con Uxía e os pillabáns” que se desenvolveu o pasado ano, Area Central retoma a organización dunha campaña lúdico-didáctica de fomento do emprego da lingua galega, nesta ocasión, baseada na personaxe da colección infantil de Sotelo Blanco Edicións Paco Peco Pequeneiro. O proxecto contará con diferentes actividades de animación cultural, entre elas, contacontos, obradoiros de ilustración e representacións teatrais.
Esta acción desenvolverase en Area Central a partir das 18:00 horas todos os venres e sábados, dende o venres 10 de outubro ata o sábado 29 de novembro. Os nenos participantes recibirán como agasallo unha camiseta identificativa da campaña e un libro da colección Paco Peco Pequeneiro, que coincidirá co título que corresponda á programación dese día.
Coa posta en marcha desta nova campaña, Area Central demostra o seu interese por acoller actividades en favor do emprego do galego, con especial interese en achegar o noso idioma aos máis novos dun xeito dinámico e divertido.
Atoparás máis información sobre as actividades de Area Central na programación mensual.
|