idioma: |

POLÍTICA LINGÜÍSTICA ORGANIZA ESTE SÁBADO UNHA XINCANA POR EQUIPOS EN AREA CENTRAL

Santiago, 13 de maio de 2009. - Area Central acollerá este sábado, 16 de maio, unha xincana organizada pola Secretaría Xeral de Políticia Lingüística da Xunta de Galicia, que promoverá o uso do galego de forma entretida a través de varias probas a realizar por equipos.

Para participar nesta actividade, enmarcada na campaña “En galego, tes todo por vivir. Tócache!” é necesario inscribirse antes da celebración do xogo, que terá lugar o sábado, 16 de maio, a partir das 11.30 horas. Para iso, tanto o xoves 14, de 16.00 a 21.00 horas, como o venres 15, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, varios monitores estarán no posto instalado na esquina azul do complexo comercial para apuntar nesta xincana da lingua galega aos equipos participantes, integrados por un mínimo de tres persoas e un máximo de oito.

Os concursantes da xincana disporán, o sábado 16 de maio, de dúas horas e media para superar as oito probas que conforman o xogo. Cada vez que un equipo supere unha proba, recibirá unha letra da palabra Tócache! O primeiro grupo que chegue ao punto de encontro, tras superar todas as fases da xincana e completar a palabra, terá que facer unha gran proba final. Todos os participantes da xincana recibirán agasallos da campaña “En galego, tes todo por vivir. Tócache!”.

Toda a información referente a este xogo pode atoparse na web www.palabrasencadeadas.com



area central centro comercial 2009